Monday 29 de April de 2024

A directora xeral de Infancia inaugurou o curso de formación de familias en espera de adopción


A súa finalidade é ofrecer ás familias a preparación e coñecementos durante a espera adoptiva

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, inaugurou en Vigo a xornada de formación de familias en espera de adopción na que se traballan factores como a identidade adoptiva e o apego, a adopción e a escola e a diversidade étnica e/ou funcional nas adopcións. Deste xeito, a Consellería de Política Social pon a disposición das familias espazos e foros nos que afondar no seu proxecto adoptivo, un factor clave para manter vivo o desexo e nos que poderán adquirir habilidades que lles beneficien na toma de decisións ante propostas adoptivas.

A finalidade do programa é manter vivo o proxecto adoptivo e ofrecer ás familias a preparación e coñecementos precisos para afrontar o reto de crear unha nova familia, facéndoos partícipes dos recursos aos que poden acudir, das recomendacións que deben considerar ou das etapas polas que van pasar. O tempo de espera na adopción pode provocar un distanciamento co seu proxecto adoptivo, tanto a nivel emocional como cognitivo; e un dos factores que axuda a garantir o éxito no proceso adoptivo é a formación continua e o apoio familiar a nivel emocional, estratéxico e educativo. Por iso, a Xunta de Galicia busca favorecer que este apoio se viva dende o momento en que se está á espera, o que facilitará que a familia continúe a formarse e a buscar apoio nos momentos de crise. Así mesmo, este programa busca dotar ás familias dos recursos, apoios e habilidades que favorezan a integración dos nenos e nenas adoptados na familia.

“Na Consellería de Política Social somos conscientes da importancia que teñen as adopcións como recurso para a protección dos menores e o benestar dos nenos e nenas. E por iso traballamos continuamente para reforzar as nosas ferramentas de apoio”, afirmou Amparo González, quen engadiu que “o proceso de adopción é un camiño longo e continuo no que se precisa moita información e asesoramento. En calquera caso o crucial non é a rapidez, senón que o resultado sexa óptimo e responda ao obxectivo da protección e o benestar do neno ou nena”.

Para conseguir este obxectivo, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, está a reforzar no 2016 o programa de formación das familias en espera de adopción. O programa, pioneiro en España e posto en marcha no ano 2015, ofrece dende entón formación a 88 familias e neste 2016, coa xornada que tivo lugar hoxe en Vigo e que tamén se levará a cabo nas provincias de A Coruña, Lugo e Ourense, está previsto que se incorporen ao mesmo 90 novas familias. O éxito desta iniciativa propiciou que a administración autonómica oferte estas novas sesións nas que se traballan factores como a identidade adoptiva e o apego, a adopción e a escola e a diversidade étnica e/ou funcional nas adopcións.

Cómpre destacar que a Xunta de Galicia pon a disposición de todas as familias interesadas o Portal Galego de Adopcións, unha ferramenta informática cuxo obxectivo é facilitar a información necesaria sobre adopcións. “As familias que vos ofrecedes para a adopción necesitades e debedes ter todo o apoio e o asesoramento que vos podamos ofrecer dende as institucións públicas”, concluíu a directora xeral.